FERIA INTERNACIONAL DO TURISMO DE INTERIOR 2022
INTUR VALLADOLID
A pasada fin de semana un grupo de traballo da Civitas Limicorum composto por membros da directiva e colaboradores da mesma, desprazouse ata Valladolid para visibilizar a Festa do Esquecemento e o Concello de Xinzo de Limia en INTUR, a Feira do Turismo de Interior que se celebra de xeito anual en Valladolid.
O stand propio que tivemos honra de representar decorouse con algunhas das pertenzas e publicacións máis coñecidas da Civitas, como poden ser os nosos estandartes, o traxe do Décimo Xuño Bruto, o Cómic do Esquecemento ou parte do merchandising das últimas edicións; así como un novo folleto editado en castelán para a ocasión.
Este venres despois de comer partiron de Xinzo de Limia os cinco membros da comitiva enviada como grupo de traballo a Valladolid para representar á Civitas Limicorum e tamén ó Concello de Xinzo de Limia. O sábado dende primeira hora, o stand da Festa do Esquecemento estaba recibindo visitas e atendendo curiosos. Ós nenos encantoulle facerse fotos co casco do Décimo Xuño Bruto, e así foi ata a media media tarde do domingo, cando tocaba recoller para voltar á casa.
A nosa alcaldesa Elvira Lama e o tenente de alcalde Amador Díaz non quixeron faltar á ocasión e estiveron acompañándonos durante a xornada do sábado. Queremos agradecer de novo a implicación do Concello de Xinzo de Limia durante o proceso de rexeneración que está a vivir a A.C. Civitas Limicorum.
O sábado pola noite participamos nunha cea de confraternización con outras recreacións históricas amparadas pola AEFRH, no Concello de Mojados (Valladolid), unha xuntanza con máis de 50 persoas que serviu para reforzar os lazos institucionais entre os distintos asociados.
A valoración desta curta viaxe é moi positiva. Cada pequeno espazo que consigamos ocupar será proveitoso para visibilizar o noso e seguir explotando o moito potencial que ten en beneficio da nosa comarca. E tede claro que sempre que poidamos, alí estaremos!